UCIN Galicia trasladaba o seu máis sentido pésame á familia e achegados do veciño falecido este luns en Baldaio no concello de Carballo tras sufrir un accidente cun tractor.
Ante esta nova traxedia, a formación política considera necesario denunciar publicamente unha situación que se leva anos advertindo sen que o Goberno da Xunta de Galicia adopte as medidas necesarias para poñer fin a unha grave desigualdade
territorial en materia de emerxencias sanitarias.
Segundo denuncia UCIN Galicia, a Costa da Morte continúa carecendo dunha Ambulancia de Soporte Vital Avanzado (SVA) con base permanente na comarca, obrigando a depender de recursos desprazados desde A Coruña e provocando tempos de
resposta que poden resultar determinantes cando unha persoa está a loitar pola súa vida.
A situación agrávase aínda máis cando determinados recursos aéreos non están operativos por limitacións horarias, deixando miles de veciños practicamente desprotexidos ante emerxencias graves.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, foi contundente ao valorar o ocorrido: “A Costa da Morte non pode seguir sendo cidadanía de segunda. Cada vez que se produce unha traxedia volvemos escoitar as mesmas condolencias institucionais, pero os recursos seguen sen chegar. Os segundos salvan vidas e aquí seguimos dependendo de medios que teñen que percorrer decenas de quilómetros para atender situacións críticas.”
Calo lembrou que UCIN Galicia leva anos reclamando unha Ambulancia Medicalizada para a comarca e considera inaceptable que a Xunta continúe ignorando esta demanda.
“O presidente Alfonso Rueda non pode seguir mirando para outro lado mentres os veciños da Costa da Morte ven vulnerado un dereito básico como é o acceso a unha asistencia sanitaria urxente en condicións de igualdade. A Xunta anuncia investimentos, campañas de propaganda e actos institucionais, pero cando chega o momento da verdade os recursos seguen sen estar onde se necesitan.”
Desde UCIN Galicia critican que o Goberno galego continúe priorizando a súa imaxe pública fronte á resolución dos problemas reais da cidadanía.
“Mentres Alfonso Rueda percorre Galicia facendo anuncios e construíndo un relato triunfalista da súa xestión, hai comarcas enteiras que seguen esperando por servizos esenciais. A realidade é que seguimos lamentando vítimas mentres a Xunta mantén unha política de abandono cara á Costa da Morte.”
Por todo iso, UCIN Galicia esixe de maneira inmediata:
- A implantación dunha Ambulancia de Soporte Vital Avanzado (SVA) con base permanente na Costa da Morte.
- A ampliación da cobertura e dispoñibilidade dos medios aéreos de emerxencias.
- Un plan específico para garantir tempos de resposta adecuados en toda a comarca.
- Un compromiso firme da Xunta de Galicia para rematar coa discriminación que sofren os veciños da Costa da Morte respecto doutras zonas do territorio galego.
UCIN Galicia considera que cada día que pasa sen adoptar estas medidas supón asumir un risco innecesario para miles de familias e advirte que continuará reclamando solucións ata que a comarca conte cos medios sanitarios e de emerxencia que merece.