A Unión de Ciudadanos Independentes (UCIN) Galicia, a través do seu coordinador autonómico José Luis Calo, manifesta a súa profunda preocupación pola falla de xestión e planificación comercial dos gobernos municipais da Costa da Morte.
Segundo estudos recentes e información recollida por UCIN, a situación económica e comercial nesta comarca “é alarmante”, con un declive progresivo no comercio local, peche continuado de establecementos e ausencia de estratexias eficaces de dinamización por parte das administracións locais.
“A realidade é que os concellos da Costa da Morte están a vivir un abandono institucional no eido económico. Non hai políticas activas que impulsen o comercio, nin coordinación entre administracións. É necesario pasar das palabras aos feitos”, afirmou José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.
A formación esixe unha implicación real e inmediata dos gobernos municipais, reclamando a posta en marcha de plans integrais de dinamización comercial e apoio ás pequenas empresas, así como incentivos fiscais e campañas de consumo local que reactiven o tecido económico da zona.
“UCIN Galicia reitera o seu compromiso con todos os empresarios e autónomos da comarca, e ponse á súa disposición para colaborar na creación de propostas realistas e efectivas para reverter esta situación. Non se pode permitir que se perda máis emprego nin máis comercio local. É hora de que os alcaldes e equipos de goberno deixen de mirar para outro lado e se poñan a traballar pola Costa da Morte”, concluíu Calo.