UCIN Galicia denuncia ‘emisións contaminantes e cheiros insoportables’ nunha empresa da Laracha

A Unión de Ciudadanos Independientes (UCIN Galicia) expresa a súa profunda preocupación pola situación ambiental que viven os veciños da contorna dunha planta de cerámica situada no municipio de A Laracha.
Durante os últimos meses, os residentes veñen denunciando a presenza de cheiros intensos e fume baixo procedente da cheminea da fábrica, especialmente perceptibles a plena luz do día e en xornadas de chuvia, cando o fume “non se levanta do chan”, tal e como relatan.
Segundo indican os veciños, “antes só pasaba polas noites, pero agora o cheiro é constante, incluso a mediodía; este domingo mesmo, sobre as dúas, olía a gas. É insoportable, hai veces que hai que tapar a boca cando pasas polo polígono”.
UCIN Galicia destaca que, tras a rotura da cheminea principal, non se lle devolveu a altura orixinal, o que estaría provocando que as emisións non se dispersen correctamente, afectando directamente á calidade do aire e á saúde da veciñanza.
“Non pedimos que pechen a cerámica, pero si que a poñan legal, que cumpra coa normativa e respecte o dereito dos cidadáns a un medio ambiente san”, sinala José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.
A formación solicita á Xunta de Galicia, á Consellería de Medio Ambiente, e aos servizos do SEPRONA da Garda Civil que realicen unha inspección inmediata das emisións e publiquen os resultados dos controis ambientais.
De confirmarse irregularidades, UCIN esixe a aplicación de sancións e medidas correctoras urxentes, e lembra que o artigo 45 da Constitución Española recoñece o dereito de todos os cidadáns a gozar dun medio ambiente axeitado, e que as administracións teñen a obriga de garantir ese dereito.

Related posts

O PSOE de Malpica denuncia que o Centro de Día de Buño continúa pechado tras tres anos cas obras rematadas

Novo mural de Joseba Muruzábal, coñecido artisticamente como Yoseba MP, na fachada dun edificio da Laracha

Malpica, concello pioneiro na implantación do sistema ‘Praia Pallet’ para a recollida de lixo mariño