UCIN Galicia esixe á Xunta e ao Concello de Corcubión a activación inmediata do centro de día

O centro de día deseñado para atender ás persoas maiores de Corcubión leva unha década pechado, sen que se concreten os trámites necesarios para a súa apertura. Esta falta de funcionamento prolongada vulnera dereitos sociais básicos e evidencia un déficit estrutural de atención de proximidade que non debe ser tolerado nunha sociedade que promove a cohesión territorial e a xustiza social.
Marco legal e obrigas institucionais
A Lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia recoñece o dereito da cidadanía a acceder a servizos sociais en función das súas necesidades, con criterios de equidade territorial. O Decreto 99/2012 regula os servizos sociais comunitarios, incluíndo os centros de día, e sinala as competencias da Xunta e dos concellos para garantir estas prestacións.
Por tanto, tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Corcubión teñen a responsabilidade ineludible de coordinarse para que este recurso entre en funcionamento canto antes, cumprindo os prazos, os requisitos de autorización e acreditación, e as condicións técnicas e profesionais exixidas pola normativa autonómica.
A carencia dunha instalación deste tipo impón unha carga adicional ás familias e ás persoas maiores que precisan atención diurna. Imagine unha persoa con mobilidade reducida, que precisa estímulos, acompañamento, actividades ou atención social sen este centro, téñense que desprazar, asumir custos ou prescindir desa atención.
Ademais, a ausencia deste tipo de servizos locais contribúe ao empeoramento do despoboamento e da desigualdade rural-urbana. As administracións non poden utilizar como escusa a dimensión reducida ou o carácter costeiro: os dereitos sociais non admiten discriminación territorial.
Propostas puntais de UCIN Galicia Para desbloquear esta situación e garantir que Corcubión conte co centro de día que merece, propoñen:

  • Que se encargue un informe técnico de viabilidade con detalles económicos,
    humanos e estruturais para a reapertura ou a implantación dun servizo
    equivalente.
  • Que se estableza un cronograma oficial con prazos definidos para autorización,
    dotación, contratación, acondicionamento e posta en marcha.
  • Que se reserve unha partida orzamentaria específica nos orzamentos
    autonómicos e municipais para asegurar que non se quede nunha promesa sen
    fondos.
  • Que se firme un acordo de colaboración institucional entre Xunta e Concello
    para garantir que cada administración cumpra o seu papel e minimize os atrasos
    administrativos.
  • Que se habilite un mecanismo de seguimento público, para que a veciñanza
    poida consultar o estado de avance, exixir explicacións e fiscalizar o
    cumprimento dos compromisos.
    UCIN Galicia fai un chamamento ao Concello de Corcubión e á Consellería competente da Xunta de Galicia para que asuman con urxencia esta responsabilidade. «Non admitiremos dilacións nin excusas», matizan.
    «Como organización comprometida coa defensa dos dereitos sociais en Galicia, UCIN Galicia asumirá o seguimento público deste proxecto e exixirá a rendición de contas ante a cidadanía. Non aceptaremos que o silencio administrativo se converta en abandono institucional», conclúen.

Related posts

O Exército de Israel interceptou na tarde deste mércores a Global Sumud Flotilla

Rematou con éxito a última das formacións incluídas no Programa Integrado de Emprego da Laracha

Pistacatro, Touriñán e Xampatito Pato, entre outros, protagonizan a segunda semana do FIOT