O ano 2025, no que a Televisión de Galicia (TVG) celebrou o seu 40 aniversario, pecharase tamén como o do peor rexistro de audiencia da súa historia, cunha cota media anual do 8,4%, o chan máis baixo acadado nunca polo canal público galego.
Aínda que a baixada respecto de 2024 foi mínima —apenas unhas décimas, tras o desplome superior ao 20% do ano anterior—, o dato consolida unha crise profunda e sostida de credibilidade. Todo isto prodúcese, ademais, nun contexto de lixeira recuperación xeral das televisións autonómicas, o que deixa en evidencia que o problema da TVG non é o mercado, senón o seu modelo.
Desde UCIN Galicia adverten de que esta perda continuada de audiencia é consecuencia directa de anos de manipulación informativa, control político e falta de pluralismo, unha realidade denunciada reiteradamente polos propios traballadores da CRTVG a través dos coñecidos “Venres Negros”, protestas que incluso deron lugar a condenas xudiciais contra o ente público por vulnerar a liberdade de expresión.
Neste sentido, o coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, móstrase contundente:
«A caída da audiencia da TVG non é un problema técnico nin de audímetros; é a proba de que a cidadanía galega deixou de confiar nun medio percibido como manipulado e sometido ao control político», afirma Calo. «Cando unha televisión pública deixa de informar con rigor e pluralidade para converterse nun altofalante do poder, perde a súa razón de ser e, como estamos vendo, perde tamén aos seus espectadores».
UCIN Galicia considera especialmente grave que, ante este novo récord negativo, a dirección da TVG e o Partido Popular de Galicia optasen por poñer en dúbida os sistemas de medición de audiencia, coincidindo coa recuperación de TVE, no canto de asumir responsabilidades e afrontar unha reforma real do modelo de medios públicos.
«Cuestionar os audímetros é unha fuxida cara adiante. O problema non está en como se mide a audiencia, senón en como se manipula a información», subliña José Luis Calo. «A TVG necesita independencia, non escusas».
Desde UCIN Galicia esiximos ao Goberno galego un xiro inmediato e profundo na política audiovisual da comunidade, que garanta unha televisión pública profesional, plural e ao servizo da cidadanía, e non dos intereses partidistas.
UCIN Galicia lembra, ademais, que esta crítica non se limita ao actual goberno. En etapas anteriores, cando PSdeG e BNG tiveron responsabilidades de goberno, tamén se produciron inxerencias políticas nos medios públicos.
«Ningún partido pode dar leccións. Todos utilizaron a televisión pública cando gobernaron. Por iso é urxente un cambio estrutural que blinde a CRTVG fronte a calquera partido, goberne quen goberne», sinala Calo.
UCIN Galicia considera que é o momento de cambiar as políticas na comunidade, recuperar a confianza da cidadanía e poñer fin a décadas de control político sobre a televisión pública galega.
9