A formación UCIN Galicia, a través do seu coordinador José Luis Calo, vén de lembrar as súas demandas históricas en materia de política aeroportuaria, aproveitando o anuncio recente dunha nova conexión internacional directa entre Santiago de Compostela e Nova York a partir do verán de 2026.
Desde o partido, móstrase satisfacción pola incorporación desta ruta da aeroliña norteamericana United Airlines, que operará tres frecuencias semanais entre Lavacolla e o aeroporto de Newark, en Nova York. Non obstante, UCIN Galicia alerta contra a visión “curtopracista e localista” que, segundo denuncian, leva anos marcando a xestión dos aeroportos galegos.
“Celebramos esta nova conexión, sen dúbida beneficiosa para Galicia, pero é fundamental que isto se enmarque nunha estratexia global, e non sexa unha simple resposta a presións locais ou intereses partidistas”, declarou José Luis Calo, coordinador de UCIN Galicia.
Propostas de UCIN Galicia para o sistema aeroportuario galego
A formación leva anos defendendo unha política aeroportuaria baseada na coordinación e o interese xeral, fronte á competencia entre aeroportos que, segundo o partido, «só serve para debilitar o potencial de Galicia como destino atractivo e ben conectado».
Entre as súas propostas, destacan:
- Unha coordinación real entre os tres aeroportos galegos (Santiago, A Coruña e Vigo), evitando duplicidades e potenciando a complementariedade.
- Impulso ás conexións internacionais, con especial atención aos mercados de América e Europa.
- Mellora das conexións intermodais, favorecendo o acceso en tren e autobús aos aeroportos desde todo o territorio.
- Criterios técnicos e sociais para a asignación de rutas e investimentos, e non decisións condicionadas polo partidismo.
- Unha estratexia aeroportuaria galega a longo prazo, elaborada con consenso social, institucional e económico.
“É necesario poñer fin á guerra de aeroportos e apostar por unha planificación seria, sostible e con visión de futuro. Galicia ten potencial, pero necesita unha política con sentidiño e baseada nos datos”, engadiu Calo.
UCIN Galicia asegura que continuará reivindicando un modelo de mobilidade que beneficie ao conxunto da cidadanía, e non só a determinados territorios ou grupos de presión.