Unión de Ciudadanos Independientes, manifestan a súa valoración positiva, aínda que con matices, respecto das recentes melloras anunciadas na liña de autobús que conecta Fisterra, Cee e A Coruña, unha das máis utilizadas polos veciños e veciñas da Costa da Morte.
Segundo informa a Xunta de Galicia, a partir do luns 6 de outubro, os traxectos con maior demanda contarán con vehículos de maior capacidade, o que permitirá dispoñer de máis prazas nos horarios máis concorridos. Esta medida responde, en parte, ás
reiteradas demandas de colectivos veciñais, plataformas sociais e tamén de UCIN Galicia, que leva meses reclamando unha mellora real do servizo público de transporte na comarca.
José Luis Calo (Coordinador de UCIN Galicia):
«É un paso adiante, pero non chega. A Xunta está a responder moi lentamente ás necesidades da Costa da Morte. Estas pequenas melloras son benvidas, pero non podemos conformarnos con solucións parciais ou temporais.»
A Costa da Morte segue sen un transporte digno, a pesar desta ampliación de prazas, o transporte público na Costa da Morte segue a estar lonxe das necesidades reais da cidadanía. Desde UCIN Galicia consideramos que o actual modelo:
- Non garante frecuencias suficientes nos tramos horarios de maior demanda (traballo, estudos, sanidade).
- Mantén zonas incomunicadas, especialmente nas parroquias máis afastadas dos núcleos principais.
UCIN Galicia leva tempo esixindo un plan integral de mobilidade para a Costa da Morte, que inclúa os seguintes puntos clave:
- Incremento da frecuencia horaria, especialmente en franxas laborais e de estudo.
- Creación de novas liñas ou ampliación das actuais para chegar a parroquias rurais e zonas sen servizo.
- Mellora da coordinación entre liñas, para permitir transbordos efectivos e evitar tempos de espera excesivos.
- Tarifas sociais e bonos para estudantes, persoas maiores e traballadores/as.
- Modernización da flota de autobuses, apostando por vehículos máis sostibles e accesibles.
- Consulta real coa veciñanza e os concellos, para deseñar un modelo de transporte adaptado ao territorio.
Chamamento á Xunta de Galicia
Desde UCIN Galicia instan á Xunta de Galicia a deixar de aplicar medidas puntuais e a sentarse a traballar, dunha vez por todas, nun modelo de transporte público moderno, eficaz e pensado para as persoas, non para os titulares de prensa.
«A Costa da Morte leva décadas esquecida, e non aceptaremos máis inacción. As nosas propostas están sobre a mesa, son asumibles e contan co apoio de moitos veciños e veciñas que se ven obrigados a usar o coche por falta de alternativas.
UCIN Galicia seguirá sendo unha voz firme, independente e comprometida co benestar da cidadanía, esixindo á Xunta que cumpra coas súas obrigas e actúe con responsabilidade», conclúen.