Ucraína acusa a Rusia de planear un golpe de estado e unha invasión


O presidente ucraíno multiplica as acusacións de golpe de estado inminente e invasión militar contra Moscova a medida que o Exército ruso acumula tropas na súa fronteira. Pase o que pase, Volodímir Zelenski afirma estar preparado para facerlles fronte. Zelenski acusou ademais a Moscova de estar detrás dun suposto golpe de estado previsto para o mércores ou xoves da semana que vén e afirma ter gravacións que o demostran. A OTAN vixía de preto a situación e advirte a Rusia de posibles consecuencias. Occidente está convencido de que Rusia sopesa invadir Ucraína a principios do ano que vén tras acumular entre 90 000 e 100 000 soldados na fronteira e lembra que xa se anexionou Crimea en 2014 e apoia aos rebeldes separatistas no leste do país. Rusia nega preparar invasión algunha, pero endureceu a súa dialéctica contra a OTAN e o Goberno ucraíno. En Kiev, están convencidos de que Rusia só busca un pretexto para dar luz verde á invasión dun país que tradicionalmente estivo baixo a súa esfera de influencia.