Un ataque con mísiles contra a estación de tren de Kramatorsk, na rexión de Donetsk no leste de Ucraína, causou este venres decenas de mortos e máis de cen feridos, segundo informou a entidade xestora dos ferrocarrís ucraínos. A empresa ferroviaria ucraína, «Ukrzaliznytsia» informou do ataque a través de Facebook e publicou unha fotografía do suceso. «Este é un golpe deliberado á infraestrutura de pasaxeiros do ferrocarril e os residentes de Kramatorsk», escribiu a entidade na publicación.
O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, condenou o ataque e afirma que esta é: «a proba de que Rusia extermina á poboación civil». A través de Facebook, Zelenski dixo que o ataque contra a estación foi con mísiles Tochka-Ou, «onde se atopaban miles de civís á espera de ser evacuados… Morreron unhas 40 persoas e preto de 100 resultaron feridas de diversa gravidade».
Rusia negou o ataque:
O ministerio de Defensa ruso declarou a través de Telegram e afirmou: «O 8 de abril, as forzas armadas rusas non tiñan misións de lume na cidade de Kramatorsk e non estaban planificadas».