Reunidos en Copenhague e coa presenza por videoconferencia do presidente ucraíno Volodímir Zelenski, representantes de 26 países anunciaron que ían apoiar a Ucraína de novo con centos de millóns euros. «En total, os participantes comprometeron máis de 1.500 millóns de euros para Ucraína. O Reino Unido está a crear un fondo co fin de reunir financiamento para aumentar a produción de armas» destacou o ministro de defensa de Dinamarca.
Na conferencia -na que participaron varios países da Unión Europea, Estados Unidos, Canadá, Australia, Nova Zelandia e Xapón- anunciouse tamén que Polonia, Eslovenia e a República Checa fabricarán máis sistemas de artillería e municións para Ucraína. Ademais, varios países como Dinamarca, Suecia, Finlandia, Noruega, Holanda e Canadá enviarán tamén soldados ao Reino Unido para axudar na formación de tropas ucraínas en chan británico.