Ucraína recupera o bastión de Limán, na anexionada Donetsk


Os soldados ucraínos volven colocar a súa bandeira en Limán, un importante enclave ferroviario no leste de Ucraína que estaba baixo control das tropas de Moscova. Conduce tanto aos bastións ucraínos en Donetsk como á zona prorrusa na veciña Lugansk. Á primeira hora deste sábado, o exército ucraíno dicía haber ‘rodeado’ a varios miles de soldados rusos na cidade que terminaron por tomar obrigando a estes a replegarse.

«Debido ao risco de ser cercados, as forzas aliadas foron retiradas da localidade de Limán a posicións máis vantaxosas», sinala o comunicado do Ministerio de Defensa de Rusia, que admite así a súa segunda gran derrota no último mes en Ucraína.

A nota destaca que a artillería rusa causou numerosas baixas ás brigadas mecanizadas ucraínas 66 e 93, ademais de destruír tanques e outros vehículos militares. Pero admitiu que, «a pesar das perdas sufridas, ao dispoñer de superioridade en forzas e recursos, o inimigo introduciu reforzos e continuou a súa ofensiva nesa dirección».