UGADE sensibiliza sobre a epilepsia en centros escolares da provincia da Coruña

Co fin de poñer en valor a fortaleza das persoas con epilepsia, a Asociación Unión Galega de Epilepsia (UGADE) está a desenvolver o programa Épic@s, unha iniciativa que vai beneficiar a 300 persoas e que conta coa financiación de 7.000 euros procedentes a través do Plan de Prioridades da Fundación ONCE.

O programa consta de dúas liñas principais. A primeira céntrase nunha campaña de sensibilización nos colexios, na que unha psicóloga imparte charlas sobre a epilepsia, os tipos de crises, os efectos secundarios das medicacións e, sobre todo, en como actuar en caso dunha crise. Ata o momento impartíronse 21 charlas dirixidas a alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria en 7 centros da provincia da Coruña (CPR A Milagrosa e Boqueixón-Vedra e os CEIPs Rosalía de Castro, A igrexa de Calo, Flavia, Ramón de Artaza e A Maía). En ocasións, os propios centros solicitaron ampliar as sesións a profesorado e familias, especialmente cando hai alumnado con epilepsia. Ademais do alumnado, no centro de Rosalía de Castro fíxise unha charla dirixida a profesorado e familias.

A segunda liña de actuación céntrase no apoio psicolóxico aos pacientes, co obxectivo de reducir o estigma social, mellorar a inclusión, favorecer a adaptación ao mundo laboral e incrementar a calidade de vida tanto das persoas con epilepsia como das súas familias. Este acompañamento é especialmente importante nos casos de epilepsias non controladas ou fármaco-resistentes, nas que os efectos da enfermidade e da medicación poden afectar á vida social, académica e laboral das persoas afectadas.

UGADE, asociación autonómica fundada no ano 2000, ofrece tamén un servizo de información e orientación ás familias, consolidando o seu labor de apoio integral ás persoas con epilepsia e á súa contorna.

Related posts

A Garda Civil detén a un home como presunto autor dun delito de furto en Arteixo

O Concello de Cerceda presentou a IV edición da carreira solidaria ‘Os 11 das vías’

A Xunta asina un convenio para construir vivenda protexida en Santa Comba