Última fase das obras de urbanización do Campo da Insua en Caión

1 minutes read

O proxecto de urbanización parcial do Campo da Insua de Caión que promove o Concello da Laracha está na fase final da súa execución tal e como puideron comprobar o alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Urbanismo e Obras Públicas, Jesús Souto, nunha visita ao lugar das actuacións.
O proxecto consiste na apertura dunha nova vía que enlaza a rúa do Carme coa Avenida Méndez Núñez. Así, melloraranse substancialmente as comunicacións peonís e rodadas nesta zona residencial situada a carón do paseo marítimo, moi preto tamén do colexio de Caión, do cemiterio vello, do consultorio médico e do Centro Comunitario “Costa da Morte” que se está a levantar neste mesmo lugar.
O ámbito de actuación da área que está a ser urbanizada alcanza os dous mil metros cadrados de superficie. A nova rúa contará con zonas de aparcamento e beirarrúas a ambos lados. Precisamente nestes momentos estase a concluír a creación das beirarrúas. Nos próximos días a zona de rodadura da nova vía será pavimentada con aglomerado asfáltico en quente e a actuación concluirase coa sinalización viaria e o acondicionamento dos espazos axardinados. O proxecto tamén incluíu a creación de novas redes de abastecemento de auga e de saneamento, a rede de recollida de augas pluviais e as canalizacións soterradas dos servizos eléctricos, telecomunicacións e iluminación pública.
O Concello da Laracha financia integramente con fondos propios municipais esta actuación, valorada en 258.000 euros.