Último pleno da Deputación da Coruña cun emotivo recordo a Ánxela Franco

2 minutes read

A Deputación da Coruña acollleu este mércores o último pleno do actual mandato, unha sesión de trámite para a aprobación das actas que serviu tamén como despedida da corporación. A sesión incluiu unha lembranza da deputada Ánxela Franco, falecida o pasado 2 de xuño.

O presidente en funcións, Valentín González Formoso, agredeceu «a conxunción de traballo e compromiso» tanto dos traballadores e traballadoras da Deputación coma dos políticos «que fai desta unha institución eficiente ao servizo da cidadanía».

«Esta corporación foi o que a xente quixo que fora», afrmou González Formoso, que destacou que, a pesar «das posicións políticas moi diferentes tivemos a capacidade de pór por enriba de todo os intereses xerais da provincia»:

«Escasean os foros políticos neste país onde o entendemento sexa o motor da institución, e neste caso na Deputación non fallamos a ese compromiso, que debemos seguir aboando porque deixa moi bós froitos», afirmou.

Homenaxe a Ánxela Franco

Un ramo de flores no seu escano e un minuto de silencio lembraron neste último pleno da corporación á deputada Ánxela Franco, falecida o pasado día 2 de xuño. Tanto o presidente da Deputación, Valentín González Formoso como a vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei, interviron no pleno para destacar a honestidade, valentía e compromiso de Ánxela Franco.

González Formoso destacou da deputada que dirixiu a área de Benestar Social, Educación e Igualdade, a súa «defensa do interese xeral, honestidade consigo mesma e a sociedade» e definiuna como unha «persoa sinceira, que nunca deixou de dicir o que pensaba, un orgullo tela como compañeira e amiga».

Pola súa parte, Goretti Sanmartín, mostrou a tristeza pola ausencia dunha muller que retratou como «temperamental, profundamente emocional, comprometida, inmensamente traballadora, capaz de empatizar con quen se achegaba a ela e tamén de mostrar o seu xenio cando era necesario». Afirmou tamén que a figura de Ánxela Franco «dignifica a vida política e sitúase no polo oposto daquelas persoas que tiran dela proveito persoal».

«Ánxela Franco era unha muller do pobo, que sabía ben os intereses que defendía, os das persoas que máis o precisaban como o demostrou no seu traballo intenso na Deputación desde a área de Benestar Social e Igualdade que tanto defendeu porque consideraba que revertía directamente na calidade de vida da xente», sinalou Goretti Sanmartín que lembrou tamén como a deputada non puido asistir ao anterior pleno mais mandou nese mesmo día unha mensaxe ao seu grupo dicindo que volvería «con todo o xenio».

«Deunos unha lección de dignidade e xenerosidade tamén na súa propia morte, sentiremos a súa ausencia», rematou, agradecendo tamén o apoio de toda a corporación e do conxunto de grupos políticos.