Últimos días para anotarse nos concursos de Nadal que convoca o Concello da Laracha

Escaparates de Nadal_Concello da Laracha

O mércores da próxima semana, día 20 de decembro, remata o prazo de inscrición para participar en dous dos concursos de Nadal que convoca o Concello.

Un deles faise por primeira vez para premiar ás fachadas, balcóns e xardíns particulares que sexan visibles desde o exterior e estean adornados cos motivos propios das Festas. Convídase a participar a todas as vivendas das trece parroquias do termo municipal que conten con espazos desas características e vaian ser decorados. Repartiranse 1.200 euros en premios (400, 300 e 200 euros) entre os tres participantes mellor valorados polo xurado e os tres que obteñan máis gústames durante o período de votación na páxina de Facebook do Concello da Laracha (150, 100 e 50 euros).

O outro é o tradicional concurso de escaparates, que neste ano alcanza a 28ª edición. Pode inscribirse calquera tipo de establecemento do termo municipal que dispoña de escaparate exterior. A dotación económica dos premios é de 1.800 euros entre os que decida o xurado (500, 400, 300, 200 e 100 euros) e os usuarios de Facebook (150, 100 e 50 euros).

En ambos casos, os formularios de inscrición en liña están dispoñibles na web municipal (apartado últimos avisos). Tamén poden formalizarse acudindo ao Concello.

Para as asociacións culturais, coros parroquiais e grupos musicais do municipio que desexen participar no certame de panxoliñas “María Angeriz Tuset” o prazo aínda permanecerá aberto ata o día 26. O concurso celebrarase o sábado 30 de decembro desde as 18:00 horas na Casa da Cultura da Laracha. Están establecidas catro categorías de premios dotadas con 300, 250, 200 e 175 euros respectivamente. Todos os grupos teñen garantida, ademais, unha achega de 200 euros polo feito de participar.

O outro certame clásico de Nadal é o concurso de postais, dirixido ao alumnado dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión. Os gañadores anunciaranse nas redes sociais e na web do Concello da Laracha.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha