Uns minutos despois das sete da tarde deste domingo, o 112 Galicia recibiu varias chamadas que informaban dun choque entre un ciclista e un turismo na N-120, ao paso por Meirol, en Mondariz. A maior parte dos alertadores coincidían en que o ciclista necesitaba asistencia urxente porque estaba inconsciente.
Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizaron a dotación a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago que evacuaba o ciclista ao hospital.
Ademais, tras o impacto, o vehículo implicado no accidente comezou a arder. Por fortuna, ninguén estaba no interior. Sen embargo, o coche acabou completamente calcinado.
Para sufocar o incendio provocado polo vehículo, deberon mobilizarse os Bombeiros de Baixo Miño. Contaron coa axuda dos efectivos do distrito forestal da zona e dos voluntarios de Protección Civil Oitavén-Tea.
O operativo completouse cos axentes da Garda Civil de Tráfico.