Un accidente entre dous camións en Cambre sáldase cun condutor excarcerado

1 minutes read

Un particular chamou ao 112 Galicia para notificar unha colisión entre dous camións na estrada comarcal AC-214, arredor do punto quilométrico 4, na parroquia de Cecebre. Durante a chamada, a persoa afirmaba que un dos condutores implicados no sinistro estaba atrapado no interior do vehículo.

Decontado, os operadores do CIAE-112 Galicia informaron dos feitos aos Bombeiros de Arteixo, aos servizos sanitarios, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil da localidade.

Ao final, os membros do Servizo Municipal de Protección Civil de Cambre comunicaron que tiveron que excarcerar a un condutor e que foron axudados polos Bombeiros de Arteixo para sacalo do interior do camión e que puidese ser trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Co fin de manter e restablecer a seguridade na vía, desde o 112 Galicia tamén se informou ao persoal de mantemento da estrada.