Un accidente múltiple en senllos carrís da AG-11, en Boiro, deixa dúas persoas feridas

Dúas persoas resultaron feridas este xoves en Boiro tras verse implicadas nun accidente múltiple, cinco vehículos, na AG-11, á altura do punto quilométrico 24, dirección Ribeira.

Foi un particular quen informaba ao 112 Galicia de que un coche chocara contra o gardarraíl da autovía. Tras asegurar que había unha persoa ferida, os xestores de emerxencias avisaron decontado ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Do mesmo xeito, puxeron os feitos en coñecemento dos axentes de Tráfico, da Policía Local, dos Bombeiros de Boiro e dos membros do servizo municipal de Protección Civil.

No transcurso da chamada, o 112 Galicia recibe outra alerta doutro accidente no mesmo punto pero no carril oposto. Con estes datos, os Bombeiros, que xa se atopaban no punto, comprobaron que efectivamente no outro sentido da vía, dous coches que pararan para interesarse polo primeiro accidente e no que tres vehículos estaban implicados, tamén se accidentaran. Iso si, os Bombeiros indicaron que neste segundo, non foi necesaria a intervención dos profesionais sanitarios.

Debido aos dous accidentes, foi necesario interromper parcialmente a circulación en ambos sentidos, mentres os servizos de emerxencias traballaban na evacuación dos feridos e na retirada dos vehículos.

Os servizos sanitarios confirmaron ao 112 Galicia o traslado de dúas persoas feridas a un centro hospitalario de Santiago.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha