Un accidente na AG-55 e un coche ardendo en Berdillo mobilizaron aos bombeiros de Carballo

Foto.- Bombeiros de Carballo.

Os dous sinistros producíronse a última hora deste sábado con pouco máis dunha hora de diferenza. A primeira alerta enviouna o servizo de mantemento de Autoestradas de Galicia ás dez e media da noite. Os bombeiros de Carballo acudiron ao peaxe ubicado na Laracha debido a un accidente de tráfico cun vehículo implicado. Unha vez no punto comprobaron que había un vehículo envorcado preto da caseta da peaxe. Acto seguido, unha vez que un guindastre retirou o turismo, os bombeiros procederon a limpar os restos de aceite, plásticos e cristais que había na calzada, utilizando area absorvente, dispersante e 2.000 litros de auga. Por sorte, o accidente non causou feridos. Ao lugar tamén se desprazou o servizo de mantemento da vía e unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.

Arde un turismo nunha pista forestal entre Berdillo e a Piña

Neste caso a alerta foi pasada as once menos dez da noite polo CIAE 112, un turismo estaba ardendo nunha pista forestal que une Berdillo coa Piña. Os bombeiros de Carballo acudiron ao lugar indicado, unha vez no punto comprobaron que o vehículo estaba ardendo por completo e non había persoas afectadas. Observaron ademáis que o lume prendera tamén nunha zona de monte. Acto seguido procederon a extinción tanto o do vehículo como o do monte, xa que non había outros medios no punto; os medios de incendios forestais chegarían posteriormente cando xa estaba o lume extinguido. O vehículo quedou queimado por completo e descoñécese a orixe do lume xa que no punto non había ninguén. A zona de monte afectada foi duns 300 metros cadrados aproximadamente. En total os profesionais anti incendios consumiron 2.500 litros de auga neste operativo. As forzas de seguridade desprazadas ao lugar investigan o ocorrido.

Foto.- Bombeiros de Carballo.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha