O alumnado de Formación Profesional de Galicia acapara preto do 17% dos Premios Nacionais de FP de Grao Superior do conxunto do Estado, pese a contar con só o 6% do total do alumnado. Galicia vén de alzarse con 13 do total de 78 recoñecementos, que corresponden ás convocatorias dos anos 2017,2018 e 2019.
Os galardoados foron recibidos polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que aproveitou para transmitirlles a súa felicitación. Entre eles atópase Rafael Brea Bodelo, alumno da rama de electricidade e electrónica do IES Monte Neme de Carballo. Este galardón, que se suma ao recoñecemento do premio extraordinario de grao superior xa acadado por Rafael, valora a súa excelencia académica e o seu esforzo no transcurso dos seus estudos.
Este tipo de galardóns (tanto a nivel estatal como autonómico) únense a outros escaparates que permiten visibilizar o traballo dos alumnos, do profesorado e do coxunto do persoal dos centros de FP, como son as convocatorias anuais das Olimpíadas de FP a nivel galego, estatal e mundial (Galiciaskills, Spainskills e Worldskills, respectivamente).
