Un amplo operativo coordinado pola Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños (Cemma) e formado por efectivos de Gardacostas de Galicia, Protección Civil e membros da Confraría de Rianxo e do Concello, fixo posible a liberación de catro exemplares de golfiño común (Delphinus delphis) varados na enseada de Cespón, na ría de Arousa.
Esta manda, formada por catro exemplares, puido decidir resgardarse neste punto da ría de Arousa en busca de alimento ou para evitar un ataque por parte de arroaces. Tampouco se descarta que a súa entrada da ría estivese motivada pola presenza de candorcas fóra, dados os avistamentos detectados nestes últimos días na zona de Corrubedo.
Tras o aviso ao 112 por parte dun condutor de camión que facía a ruta Padrón-Ribeira— alertouse da presenza de catro golfiños varados ao pé do viaduto de Taragoña da autovía do Barbanza, nun punto de difícil detección e só accesible desde a súa posición.
Neste caso eran catro machos de entre 186 e 204 cm de lonxitude, todos sen feridas relevantes, conscientes, activos e ben de saúde e peso, aínda que con síntomas de estrés.
Para a súa liberación, mobilizáronse dúas unidades móbiles, co fin de retiralos da lameira no lado dereito da enseada de Cespón e evacualos por terra. Unha vez que subiu a marea, dous exemplares foron embarcados na lancha da Confraría, outro na de Protección Civil e o último na de Gardacostas, que se dirixiron ata a illa da Rúa, onde foron liberados.