Un auditorio e un ximnasio no Edificio das Escolas, novo proxecto do goberno local de Ponteceso

1 minutes read
  • O proxecto supera os 800.000 euros
  • O alcalde pedirá a colaboración económica da Xunta e da Deputación

O goberno municipal de Ponteceso está decidido a acometer un proxecto de reforma integral do Edificio das Escolas para reconvertelo nun novo complexo cultural e deportivo que permita dar resposta ás necesidades actuais.

Deste xeito, na planta baixa situaríase un ximnasio completo e nas superiores, un auditorio con capacidade para máis de 400 persoas. Debido ao elevado orzamento da actuación, cuantificada xa en 814.013,17 euros, o alcalde, Lois García Carballido, vén de solicitar cadansúa entrevista cos presidentes da Xunta e da Deputación coa intención de conseguir a colaboración económica de ámbalas administracións.

A concelleira de Cultura, Ana Pérez Imia, e o alcalde, consideran que o emprazamento é idóneo dada a súa posición central na área educativa.

A actuación tamén afectará á envolvente do edificio para mellorar as súas condicións térmicas e acústicas e, a maiores, podería contemplar un ascensor adaptado e unha escaleira de emerxencias.

O proxecto de reforma integral do Edificio das Escolas está motivado por un interese local, comunitario e social, xa que o novo equipamento potenciará as actividades culturais e deportivas, permitirá incrementar a oferta educativa, converterase nun foco de atracción comarcal e contribuirá á dinamización económica da vila.