Un barco á deriva chamado Obradoiro


Nova derrota dun Obradoiro que navega á deriva. Esta vez ante Estudantes, un dos equipos da “súa liga”, este mércores ás 18 horas no Fontes do Sar por 87 a 91. No segundo dos tres partidos aprazados polos casos de Covid19 que houbo no conxunto compostelán.

E é que, a día de hoxe, o Obra pinta mal: mal en ataque, moi mal en defensa, véndose superado en todos os aspectos do xogo, salvo en rebotes, onde capturou 34 fronte aos 29 colexiais. En todo o demais, nefasto: 17/27 por 23/41 en canastras de 2 (o máis axustado), 12/31 por 13/29 en triplos, 16 por 20 no apartado de asistencias. Ao que hai que engadir 6 puntos fronte a 15 tras perdida e 3 por 12 puntos en segundas oportunidades. Estatísticas moi favorables a Estudantes.

Arrincaba o encontro cun 0-7 de parcial para os de Jota Cuspinera, que saían máis enchufados, con máis intensidade e conscientes da importancia do encontro. A consígna colexial era clara, parar o xogo de poste baixo, onde sabían que podían sufrir. E de seguro conseguírono. Tardou o Obra en anotar a súa primeira canastra, e facíao por mediación de Daum (20 puntos, 8 rebotes, 2 asistencias e 21 de valoración), quen anotaba tras rebotear un fallo anterior.

Estudantes, esporeado polo acerto, estiraba a súa vantaxe, 4-14. Aí Moncho Fernández decidiu parar o partido co seu primeiro tempo morto. Apertaba a súa defensa Obradoiro e achegábase no marcador. Con todo, o lastre de fallar os 7 triplos que tentou condenou ao conxunto local a pechar o cuarto por baixo, 18-24.

O segundo cuarto empezou coa melloría compostelá. Chegaron 3 triplos case consecutivos, un de Muñoz e 2 de Beliauskas (13 puntos, 3 rebotes, 3 asistencias e 17 de valoración), mentres que a dupla Cohen-Enoch pechaban a pintura. Precisamente este último, empataba o encontro 31-31 no minuto 15. A pesar diso, as boas accións de Barea (13 puntos, 4 rebotes, 5 asistencias e 20 de valoración) e Roberson (non confundir co canadense de Obradoiro) sostiñan aos do Ramiro de Maeztu, os cales volvían despegarse no marcador, 37-48 no minuto 20. A pesar de todo, acabaría o cuarto por baixo da barreira psicolóxica dos 10 puntos, mercé a 2 tiros libres do Robertson obradoirista. 39-48, nove puntos de diferenza e os dous conxuntos ao túnel de vestiarios.

Saían ambos os equipos ao segundo tempo de igual forma que o comezaban. Estudantes disparaba a súa vantaxe. O mvp deeste mércores, Avramovic (33 puntos, 4 rebotes, 5 asistencias, para asinar 35 unidades de valoración) anotaba as 4 primeiras canastras visitantes. Sinxelamente, o mellor, imparable, incombustible, mostrando un repertorio propio dun crack de moitos quilates. Obradoiro tentouno todo para frealo, cambio de xogadores para defender os seus 1 contra 1, axuste defensivo para evitar o seu pick and roll, pero nada funcionou, ou nada se fixo ben.

Por se isto fose pouco, apenas iniciado o cuarto lesionábase o xeonllo nunha acción fortuíta en defensa Pepe Pozas, ao saltar para tratar de opoñer resistencia a un contrataque visitante.

Os árbitros paraban o encontro ao verlle tirado no chan doéndose do contratempo. Toda a responsabilidade pasaba a mans do turco Ozmizrak (16 puntos, 3 rebotes, 6 asistencias e 21 de valoración), case a única boa noticia que deixou o encontro. Sobresaliente actuación do base no seu segundo partido da tempada tras lesión. Fáltalle ritmo de competición, pero non lle pesou a responsabilidade, facendo cada vez máis e mellores cousas.

Afectaba en principio a lesión do base malacitano e os madrileños despegaban no marcador. Dous triplos da ex Obra Alec Brown (16 puntos, 3 rebotes, 1 asistencia e 15 de valoración) e o luminoso que sinalaba 46-63 no minuto 25. Apertaba os dentes o Obra e reducía a vantaxe tras un parcial de 14-4. Chegabamos aos últimos 15 segundos con 60-67 e balón para os galegos, con opcións de reducir ata 5 ou 4 a diferenza na antesala do último cuarto. E ahi Daum, equivocouse. En lugar de esgotar a posesión cunha xogada, voou para tentar un coast to coast precipitado, perdendo o balón e deixando a última bala do terceiro cuarto en mans do infalible Avramovic, quen anotaba 2 puntos máis e estiraba a vantaxe ata os nove. 21-21 no terceiro cuarto e as cousas que seguían igual que ao descanso.

O inicio do último cuarto foi máis do mesmo. Estudantes marcando o ritmo, Abramovic facendo queríao e a vantaxe desatada. Chegamos ao minuto 35 con 65-85, 20 de diferenza e o partido roto. Con todo, nun golpe de fe, coincidindo co serbio no banco, o Obra apelaba á épica. Parcial de 17-2 e os composteláns que se poñían a 5 de diferenza, 82-87 no minuto 39. Incrible despois do visto, a remontada podía consumarse. E aí, Brown no límite da posesión anotaba de 3, dando a puntilla.

Finalizaba o encontro cun triplo afastado de Ozmizrak no último segundo que deixaba o electrónico no 87-91 final. 4 de diferenza e con 27 puntos locais no último parcial.

Pese ao mal partido, Obradoiro demostrou raza e aínda que non foi suficiente, non se deixou ir como ante Tenerife. De non mediar unha falta en ataque e unha perdida por pasos, quizais culminasen con outro milagre do Apóstolo. Non puido ser e os de Santiago complícanse a vida e moito. De non haber reacción, os problemas irán a máis e a salvación poñerase en cuestión.

Próxima estación, domingo 7 de marzo ás 19 horas ante Baskonia. Novamente na casa e a esperar melloría, aínda que non sexa precisamente o mellor rival a tal fin.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO