Un BNG máis forte que nunca tratará de ‘ensanchar e ampliar’ para gañar o futuro ‘coas mans libres’

Cedida.

A portavoz nacional, Ana Pontón, empezou cunha cita de Salvador Allende a intervención no acto do 40 aniversario do BNG: “A Historia é nosa e fana os pobos”, proclamou ante máis dun millar de militantes que enchían o frontón de Riazor, o lugar que o 25 de setembro de 1982 foi escenario da fundación do Bloque Nacionalista Galego.

Non sempre foi un “camiño de rosas”, destacou, “pero o BNG chega aos 40 anos en plena forma e disposto a saír a gañar, a gañar unha saída xusta e galega a esta crise, a gañar un futuro mellor, con máis BNG nos concellos, en Madrid e en Europa. E por suposto, disposto a gañar o Goberno da Xunta e darlle a Galiza unha presidenta do BNG coas mans libres para defender aos galegos e ás galegas”, proclamou.

“Porque Galiza necesita máis que nunca unha forza libre como o BNG, libre de ataduras a Madrid e libre de ataduras aos grandes lobbys económicos”, salientou, capaz de dar unha solución xusta e en clave de País á crise. E para iso ten alternativas, como a tarifa eléctrica galega, acabar cos beneficios caídos do ceo, empresa pública de enerxía e subirlles os impostos ás eléctricas, ás petroleiras e a banca, “que se están forrando”.

“Queremos gobernar para as maiorías e sen subordinación a Madrid, non como o PP que goberna pensando nas empresas amigas e nos millonarios”, denunciou, en relación ao anuncio de Rueda de baixarlle os impostos a 7.000 millonarios, un pelotazo fiscal de 34 millóns de euros.