Contra as oito da mañá deste domingo, o 112 Galicia recibiu varias chamadas de veciños por un incendio nunha casa en Fondo de Vila, Boborás.
Dentro da vivenda, parecía non haber ninguén. Efectivamente, os propietarios atópanse de viaxe, polo que non hai que lamentar vítimas.
Segundo os Bombeiros do Carballiño, as tarefas de extinción avanzaron a bo ritmo, xa que tiñan o lume controlado. Con todo, houbo perdas materiais no baixo da casa. En concreto, un coche que resultou calcinado. Igualmente, a parte alta do inmoble tamén se encheu de fume.
Sen embargo, durante os traballos dos bombeiros, un membro do equipo resultou lesionado nun brazo. Presentaba un corte, polo que foi evacuado ao centro de saúde. Os compañeiros aseguran que, malia a ferida, o bombeiro está ben e agardan a súa pronta recuperación.
No operativo, tamén estivo a participar un equipo do GES de Ribadavia e os axentes da Garda Civil.