Un bombeiro resultou afectado cando traballaba na extinción dun incendio nunha nave en Oleiros

Un bombeiro resultou afectado cando traballaba na extinción dun incendio que mobilizou aos efectivos dos parques de Arteixo, Coruña e Betanzos.

O afectado foi trasladado consciente e estable, mentres os equipos continuaban no lugar debido ao intenso fume acumulado nas instalacións.

Ás 18:30 horas deste venres, varias persoas contactaron co 112 Galicia para dar conta dun incendio no soto dunha nave dedicada á venta de mobles rotulada como Jesús Babío, situada na Avenida das Mariñas, en Oleiros. A proximidade do aparcamento e o intenso fume acumulado motivou a mobilización de varias dotacións de bombeiros procedentes dos parques de Arteixo, Coruña e Betanzos, que permaneceron horas no lugar ata a completa extinción do incendio e a ventilación do espazo, aínda ateigado de fume.

Posiblemente, a intensidade da calor no interior do soto afectou a un dos membros do operativo, polo que foi evacuado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) para ser sometido a un recoñecemento médico.

Cómpre sinalar que os efectivos do servizo local de Protección Civil colaboraron neste operativo, ao igual que os axentes das Policías Local e Autonómica, 061 e axentes da Garda Civil de Tráfico

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha