Un centenar de axentes de Policía Local e medio cento de mandos reciben formación na Agasp

Vehículo da Policía Local

A Xunta foi quen de atender todas as demandas de prazas para policías locais dos concellos galegos nos catro anos de vixencia do acordo que permite ás administración locais delegar este proceso no Goberno galego a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). O proceso de convocatoria unificada permitiu que este ano se incorporen aos concellos galegos un centenar de axentes de policía local e medio cento de mandos policiais.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva asegurou que ese acordo presentou varias vantaxes; sobre todo, un aforro de custe para os concellos, unha garantía de cobertura de prazas e melloras no proceso para os aspirantes, que participan en condición de igualdade. Ademais, o tempo de selección e de formación redúcese, o que permite “poñer a disposición dos concellos galegos novos axentes en menos tempo”.

A novidade este ano é a convocatoria de prazas de vixiante municipal, un proceso que comezará no mes de novembro e ao que xa se presentaron 85 aspirantes.