Un cento de centros de saúde superan o 60% de atención presencial

Consulta do Sergas

Así, dende hai unha semana, a cidadanía galega xa pode pedir cita presencial co seu centro de saúde a través do teléfono, a páxina web ou a app Sergas Móbil, tal e como se facía antes da pandemia, coa opción de elixir presencial ou, no caso de que o cidadán considere que pode ser atendido por teléfono, a cita será dese xeito.

Ao respecto das medidas emprendidas pola Xunta para reformar o primeiro nivel asistencial, o departamento sanitario galego informou aos representantes das organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade, celebrada no Edificio Administrativo do Sergas baixo a presidencia da directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez, dos avances que está a realizar nesta materia o Executivo galego. Na reunión estiveron presentes, así mesmo, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

En concreto, xa se está a ter máis do 60% de presencialidade no 30% dos centros de saúde de toda Galicia, en 131 de 448. As áreas que está á cabeza son Lugo, cun 52% e Ourense cun 46%. Ademais, o 65% dos cidadáns galegos conseguen cita en primaria en menos de dous días e o 84% en menos de catro días.

As reformas previstas e prometidas para atención primaria polo Goberno galego estanse a poñer en marcha tal e como se anunciaron, ao tempo que se está a traballar en novas cuestións. Trátase dun modelo que permitirá dotar dunha maior autonomía aos centros, así como mellorar a redistribución das tarefas entre as categorías profesionais que desenvolven as súas funcións neles, reorganizar a demanda, e levar a cabo accións que incrementen aínda máis a relación coa atención hospitalaria.