Un cento de nenos e nenas da Costa da Morte inauguraron a Campaña de Esquí da Deputación


Un centenar de nenas e nenos de entre 11 e 15 anos dos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Cee, Cerceda, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Santa Comba, Tordoia, Vimianzo e Zas participaron na estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias) na primeira expedición á neve da Campaña de Esquí 2022, organizada pola área de Deportes da Deputación da Coruña.

Con esta campaña, a institución provincial que preside Valentín González Formoso pretende “que os rapaces e rapazas da provincia da Coruña poidan iniciarse ou perfeccionar as súas habilidades no esquí, ao mesmo tempo que participan noutras iniciativas deportivas e culturais organizadas de xeito complementario”, indicou a deputada de Deportes, Cristina Capelán, que visitou aos escolares na estación de esquí.

A área de Deportes da Deputación da Coruña organiza, entre o 14 de xaneiro e o 21 de febreiro de 2022, diversas viaxes á estación invernal de Valgrande-Pajares (Asturias) para impulsar a práctica do esquí entre a mocidade de 11 a 15 anos de idade dos municipios coruñeses.

Este ano participarán un total de 600 nenas e nenos da provincia, cen máis que na anterior edición.