Un choque entre dous turismos remata con dúas persoas excarceradas en Laxe

A raíz do accidente, unha persoa tivo que ser evacuada en helicóptero medicalizado ata o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e a outra foi trasladada a bordo dunha ambulancia. Os feridos, que ocupaban distintos vehículos, tiveron que ser excarcerados polos bombeiros.

Sucedeu ás 15:15 horas deste luns, foi a esa hora cando o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dunha testemuña da colisión. No seu relato, indicaba que era necesaria a intervención dos equipos de emerxencia para liberar a dúas persoas implicadas nun choque entre dous turismos na recta de Traba de Laxe.

Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 pasouse aviso de inmediato aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que informaron da mobilización da aeronave medicalizada con base en Santiago ata o punto. Ademais, co fin de prestar apoio ao equipo médico e realizar as tarefas de excarceración dos implicados, solicitouse a intervención dos Bombeiros de Bergantiños e dos membros do GES de Ponteceso.

Ao lugar tamén acudiron os axentes da Garda Civil de Tráfico e os efectivos de Protección Civil de Laxe co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha