Un choque entre un autobús e un furgón sáldase con cinco persoas feridas en Sada

Foto.- Cedida.

Cinco persoas resultaron feridas na mañá deste martes en Sada nunha colisión na que se viron implicados un autobús urbano e un furgón. Segundo a información recollida no 112 Galicia, as cinco persoas que precisaron asistencia sanitaria viaxaban no coche de liña, concretamente catro pasaxeiros e o condutor do vehículo, que realizaba a ruta entre o núcleo desta localidade e Armuño.

O accidente produciuse na Avenida Xoán Vicente Viquera, á altura do número 13, uns minutos antes das once. Nese momento, unha persoa particular alertou do sinistro ao 112 Galicia.

Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia solicitaron a intervención do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do Servizo Municipal de Protección Civil e dos axentes da Policía Local.