Un ciclista perde a vida en Aranga tras sufrir unha indisposición mentres circulaba


Un ciclista faleceu, na mañá deste sábado en Aranga, ao sufrir unha indisposición mentres circulaba en bicicleta pola estrada N-VI en Montesalgueiro.

Os feitos ocorreron ás doce e media e foi, a esa hora, un particular quen chamou ao 112 Galicia para informar da caída repentina da persoa, na calzada. Así, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE-112) indicáronllo ao persoal sanitario, que confirmou a saída do helicóptero medicalizado con base en Santiago para o lugar, á Garda Civil de Tráfico, ao GES de Curtis e aos Bombeiros de Betanzos.

Unha vez chegados os servizos de emerxencias ao punto, tan só puideron confirmar o seu falecemento.

Co fin de manter a seguridade na vía, desde o 112 tamén se lle deu aviso ao Centro de Xestión de Tráfico e ao persoal de mantemento da estrada.