Un ciclón chamado Burgos arrasa Fontes do Sar


Aterraba o pasado sábado no multiusos Fontes do Sar, o recentemente campión da Champions Fiba: San pablo Burgos. Un auténtico equipazo con ínfulas de grande, que pasou por Santiago como un ciclón, levándose a vitoria para terras castelás por 63-78.

Pola súa banda Obradoiro callou quizais, o peor partido da tempada. A clave do encontro estivo sobre todo nas 20 perdas de balón, así como nos 42 rebotes de Burgos polos 35 galegos. Demasiadas perdas para gañar unha partido ACB, onde o equipo viuse coas mans atadas, sentíndose inseguro ante un agresivo e efectivo armazón defensivo burgalés.

Con todo, comezaban ben as cousas para os intereses composteláns. 10-2 no minuto 3 nun gran arranque, con senllos triplos do mellor local Pepe Pozas (12 puntos, 2 rebotes, 5 asistencias e 17 de valoración) e Beliauskas, xunto con Enoch colgándose do aro. Ata aí durou o espellismo, parcial de 5-18 e os de Peñarroya que levaban o primeiro cuarto con triplo de MVP Renfroe (31 puntos, 4/4 en triplos, 4 rebotes e 3 asistencias para asinar uns superlativos 34 puntos de valoración) in extremis incluído, por 15-20. E é que, o estadounidense de nacionalidade bosníaca estivo simplemente IMPARABLE.

O segundo cuarto seguía o mesmo guion, Obradoiro non era quen de igualar a dureza e eficacia defensiva dos de azul. Por se isto fose pouco, os árbitros, esta vez si, deixaban xogar. Baste citar como exemplo que os locais dispuxeron dos seus primeiros tiros libres a 2 minutos para o descanso. A saída de Muñoz reactivou un pouco aos de Moncho Fernández, pero non foi suficiente. A pesar de todo, coa entrada en xogo de “cada día vou a máis” Cohen (14 puntos, 9 rebotes e 16 de valoración) achegábase o conxunto local, 30-36 no minuto 18. A pesar de todo, Obradoiro co seu caudal anotador mermado con Birutis rengueante, Robertson inédito ata o intermedio e Czerapowicz en branco, estaba orfo de puntos e a cousa pintaba moi negra. O ex Obradoirista Deixan Kravic (14 puntos, 11 rebotes e 22 de valoración) e o “todo poderoso” Alex Renfroe, impoñían a súa experiencia e controlaban o luminoso impedindo calquera indicio de remontada. 35-42 e ao túnel de vestiarios con 7 puntos de diferenza e as sensacións de ter o partido controlado.

Tras o descanso, Robertson por fin estreouse “cravando” 2 triplos consecutivos e os locais amagaron cunha remontada. 4 puntos abaixo no minuto 23 e, nesa tesitura, desinflouse Obradoiro. Mentres tanto Renfroe seguía ao seu e Rivero desmantelaba a Birutis, cortando o abastecemento de balóns na pintura. Ademais, os de Santiago, non foron quen de aproveitar 2 roubos de balón seguidos de Pozas e fallaron ata 3 veces o intento de achegarse no marcador con “obscenas” perdas de balón, escasa cabeza fría e mala toma de decisións. Como non pode ser doutra maneira, se non aproveitas ti momento de apertar o marcador, o contrario, que ademais é Burgos, esnaquízache. E así foi, 45-56 no minuto 28. Mc Fadden poñía a guinda sacando petróleo de 2 novas perdas locais con 12 puntos de diferenza, 48-60 na antesala do último cuarto.

Comezaba o acto final con Rafa García de base, un xogador con moi poucos minutos na súa conta persoal, para tentar cambiar algo, pero duro pouco o experimento. Renfroe seguía o seu particular festival anotador e de aí ao final só quedaba por saber por canto sería a derrota final.

Destacar o xesto de Moncho Fernández ao conceder o debut en ACB de Martín Fernández, xogador do filial, quen estivo case 2 minutos en pista.

Final do partido e vitoria por 15 puntos de diferenza para os casteláns, quen gañaba por cuarta vez consecutiva en liga. Mentres que os de Santiago, pola contra, asinaban a súa cuarta derrota tamén consecutiva, na súa particular vía crucis de calendario cun 63-78 incontestable.

Á espera de recuperar a Mike Daum, que Birutis recupere a súa mellor versión tras a escordadura e, sobre todo, saber que sucede co turco Ozmizrak e o seu edema óseo. O base conta con permiso do club para ausentarse e ser tratado en Turquía polo médico da selección otomá.

Próximo partido, CB Canarias, outro fanfurriñeiro no curral da liga Endesa, tras o parón polas xanelas Fiba. A cita será no Santiago Martín de Tenerife, o sábado 5 de decembro ás 18 horas. Unha das 2 canchas que quedan a Obradoiro aínda por gañar, preséntase un difícil pero boa oportunidade.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO