Un concerto de Icía Varela e Haruna Chatani pechará en Cee a XIII Edición do Programa O Mes da Fundación

2 minutes read

Este sábado 24 de outubro, ás 20:30 horas, con entrada libre no Auditorio da Casa da Cultura de Cee, remata a XIII Edición do programa O Mes da Fundación, organizado pola Fundación Fernando Blanco de Lema e que contou coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e de Xeal – Energo Pro.
Foi un mes intenso, cheo de actividades tanto para os distintos niveis educativos que se imparten nos centros escolares do Concello de Cee coma para o público en xeral, que este sábado tocará ao seu fin co Concerto titulado “A música que nos une; os camiños que nos xuntan” a cargo da malpicá Icía Varela e da xaponesa Haruna Chatani, unha proposta artística moi singular na que se mesturan as sonoridades tradicionais de Galicia e do Xapón, creando pontes entre culturas a través do koto, instrumento tradicional xaponés, e da pandeireta.
A malpicá, de Cerqueda, Icía Varela, é filóloga e unha das voces máis potentes do panorama actual da música tradicional galega.
Fundou o grupo Arredores, co que publicou o disco titulado Ecdise no 2024.
Subiu aos escenarios con SÉS, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Cassandra ou Xosé Manuel Budiño.
Como solista, actuou no Festival Intercéltico de Lorient e no Celtic Connections de Glasgow.
En 2025, o ano das Letras Galegas para as cantareiras, lanzou xunto con Xosé Manuel Varela, dúas das obras literarias claves en torno a este recoñecemento, Cantareiras e Pandeireteiras, e presentou o seu primeiro disco en solitario, titulado Mens, o cal é un tributo e agradecemento precisamente ás Velliñas de Mens, unhas das homenaxeadas nas Letras Galegas.
A nipona Haruna Chatani chegou a Camariñas a comezos do 2024, con 28 anos, co propósito de aprender español e acabou empapándose de galego. Namorou da nosa fala, da nosa música, das nosas tradicións … en definitiva, namorou da nosa cultura.
Por aquel entón xa sabía xaponés, inglés, ugandés, camboiano e italiano, ao que hai que sumarlle agora o castelán e o galego.
En Xapón estudou Educación e Arte, e toca o piano e a ocarina. Ao escoitar a música tradicional galega quixo formarse e fíxoo coa asociación camariñana O Cansorriño e con Icía Varela de mestra de canto e pandeireta.