Un condutor falece tras saírse da vía co seu vehículo en Ordes

1 minutes read

Un home perdeu a vida despois de saírse da vía o vehículo que conducía pola DP-3802, á altura do punto quilométrico 1,5, ao seu paso por Ordes. O turismo impactou violentamente contra o peche dunha leira situado ao pé da estrada, e como consecuencia diso o condutor e único ocupante, de orixe búlgara aínda que residente en Ordes desde facía anos, faleceu prácticamente no acto.

Foron varios os particulares que chamaron ao 112 para informar do accidente e indicar que o condutor do turismo parecía estar atrapado. Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a intervención dos Bombeiros de Ordes e dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez no lugar do sinistro, os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendio e Salvamento procederon a excarcerar á vítima, que carecía de sinais vitais. Coa chegada dos sanitarios, confirmouse que o home resultara falecido.

Desde o 112 Galicia, pediuse tamén a colaboración dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local, así como dos membros de Protección Civil da localidade.