Un convenio da Deputación da Coruña fomentará unha cultura do surf sostible e responsable


A Deputación da Coruña apoia á Federación Española de Surf no proxecto ‘Aprende a través do surfing’, co que 3.000 nenos e nenas da provincia se formarán na importancia dos océanos co obxectivo de crear unha cultura do surf sostible e medioambientalmente responsable.

O convenio de colaboración entre ambas entidades foi asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e o vicepresidente da Federación, Román Díez. O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, tamén estivo presente na sinatura do acordo. A través deste, a Deputación achega 20.000 euros para a iniciativa deportiva, o que supón o 48,6% do custo total, que é de 41.700 euros.

O proxecto permite concienciar e valorar á rapazada no patrimonio natural dos océanos, co obxectivo de identificar os nosos mares como recurso patrimonial e natural a través da práctica do surf. A proposta imbuirá á mocidade os coñecementos e respecto sobre o océano, o seu valor patrimonial, natural e turístico, así como os seus perigos, fomentando, ao mesmo tempo, a afección a este deporte.