Un convenio permitirá pagar tributos provinciais en calquera oficina postal


O acordo asinárono o presidente de Correos, Juan Manuel Serrano, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. A partir de agora, Correos pon a disposición a súa rede de 2.370 oficinas distribuídas por toda España para efectuar a través de xiro postal o cumprimento das obrigas tributarias que se teñan co organismo provincial.

Con este servizo de Correos, os cidadáns contan cunha canle áxil e sinxela á hora de cumprir cos seus aboamentos. Tamén dispoñen dunha maior xanela horaria e mobilidade territorial: só na provincia da Coruña, Correos dispón de 63 oficinas de atención ao público.

O pago de tributos é un dos novos servizos cos que Correos pretende facilitar o día a día dos cidadáns independentemente de onde vivan, aproveitando a capilaridade e a cobertura territorial da rede de oficinas.

Ademais de asinar o acordo para o pago de tributos, o presidente de Correos e o presidente da Deputación da Coruña abordaron tamén o proxecto de instalación de caixeiros automáticos nas oficinas de Correos.