Un convoi militar ruso de máis de 60 quilómetros achégase a Kiev desde o noroeste


Contra todo prognóstico, o Exército ucraíno está a resistir en moitas das frontes abertas por un dos Exércitos máis poderosos do mundo. Este luns pola noite comezou o asalto a Jersón, unha cidade de trescentos mil habitantes a beiras do Mar Negro e xunto ao río Dniéper. Mentres tanto, a batalla de Kiev está cada vez máis preto. Un xigantesco convoi militar ruso de 64 km de lonxitude está ás súas portas, segundo mostran as imaxes de satélite. Son Carros blindados, artillería, camións cargados de soldados… Hai moitas imaxes e testemuños de zonas civís que foron alcanzadas por mísiles rusos ou lume de artillería. Tras unha noite infernal, a luz do día mostra a crueza da guerra na cidade norteña de Chernihiv.