As forzas da orde tiveron unha tarde mala no día de Noiteboa en Carballo. Sobre as catro da tarde deste domingo un particular alertaba ao 112 Emerxencias Galicia de que unha persoa estaba a lanzar obxectos pola xanela do primeiro piso dun edificio da carballesa rúa Gran Vía, próximo ao cuartel da Garda Civil.
Os primeiros en achegarse ao momento foron dous axentes nunha patrulla da Policía Local. Analizada a situación, comprobaron que efectivamente un individuo tiraba obxectos de cristal e cerámica á rúa, ademais de esgrimir un obxecto punxente, similar a un coitelo.
Ante a gravidade da situación foi necesaria a presenza de máis reforzos policiais, ademais de dúas patrullas máis da Garda Civil. O home lonxe de amedrentarse continuaba en actitude ameazante e agresiva, sen atender a mediación negociadora de amigos nin familiares e moito menos das forzas de seguridade, así durante máis de tres horas.
Ao final os axentes foron capaces de acceder á vivenda e reducilo. Tratábase dun delincuente habitual, tamén coñecido no penal de Teixeiro onde por tres condenas anteriores estivo 12 anos preso, un carballés de 41 anos cun amplo historial delituoso.
Tras ser detido foi trasladado ao PAC para un recoñecemento médico e de aí aos calabozos do cuartel da Garda Civil de Carballo, que é quen instrúe dilixencias para o seu posterior pase a disposición xudicial.