Un descomunal Obradoiro roza a salvación

Triunfo vital de Obradoiro ante Gran canaria por 106 a 97, en partido disputado o pasado domingo no Multiusos Fontes do Sar ás 20 horas. Vitoria coral do equipo compostelán que o acerca de forma case definitiva á soñada permanencia. Antes de comezar o partido homenaxeouse a todos os ex adestradores do club. Así como ao ucraíno ex Obra, hoxe nas filas amarelas, Artem Pustovyi, quen agradeceu emocionado as mostras de agarimo e aplausos que desde a bancada ofreceulle o público santiagués. Arrincaba o encontro cun Obradoiro desatado en ataque. Asistencia de Robertson a Birutis (17 puntos, 4 rebotes e 17 de valoración) quen anotaba o 8-3 conseguindo o 2+1 cando tan só disputáronse 1:20 de partido. Reacción amarela que poñía o 8-6 que sería un espellismo, pois nun airiño o electrónico sinalaba o 21-12 como resultado do festival de triplos compostelán e a súa inmaculada serie. Fisiac viuse obrigado a pedir tempo morto para tratar de parar a sangría. Canastra do MVP Thomas Scrubb (24 puntos, 6 rebotes, 2 asistencias, para asinar unhas espectaculares 33 unidades de valoración) cun “ fade away” para desfacerse dun correúdo Brussino (22 puntos, 5 rebotes, 4 asistencias e 26 de valoración) e dobrar aos canarios, establecendo o 25-12 no luminoso, a 3:34 para rematar un acto que finalizaría 32-19 para os de Moncho Fernández. O segundo acto tamén foi de dominio local. Zurbriggen roubaba un balón e ao tentar machucar o aro visitante sofre un tapón por detrás, tan sideral como perigoso, do xigante Diop (5 puntos, 12 rebotes, 2 asistencia e 18 de valoración), acabando de forma accidental, pero sen consecuencias para ambos. Recital ofensivo de Ennis (20 puntos e 14 de valoración), xogador ao que se encomendaron os visitantes e o único que sostiña ao equipo. Canastra do jamaicano ao límite da posesión e 43-31 na marcadora con 3:08 minutos xogados do segundo cuarto. De aí ata o descanso, Obradoiro controlaba a pintura e seguía xogando con intensidade defensiva, por momentos asfixiante, co obxectivo de lograr a máxima diferenza #ante de enfilar o túnel de vestiarios. 16-11 nos 6:52 minutos restantes e o cuarto pechábase con 27-23, traducíndose en 17 puntos de diferenza e 59-42 no global. No intermedio, Obradoiro sacou á pista a toda a súa canteira para sacar músculo do seu prometedor futuro #ante a alegría e aplauso da inchada local. Tras o paso por vestiarios todo seguía igual. Obradoiro era consciente que estaba no día D e a hora H e non especulaba. Mantiña o seu alto ritmo con defensas boas e circulación de balón constante, que unidos á mobilidade e acerto dos correlixionarios do alquimista dá Pontepedriña, disparaba aínda máis as diferenzas. Mate de Birutis en contrataque “ coast to coast” tras asistencia do mago do pase Hobbs (3 puntos, 2 rebotes, 6 asistencias e 8 de valoración) para situar o marcador en 62-42 e vinte de diferenza. Unha vantaxe que creceu ata os 24 puntos con 77-53. Ata que Albicy anotaba de 2 e paraba a hemorraxia, 77-55 a 1:43. De aí ata o final do cuarto os amarelos espertaron e cun parcial de 1-8 pecharon o acto con 15 de diferenza e 78-63. Estaba difícil pero non imposible e así o tentaron no último cuarto. Empezaba con 0-3 e os canarios a 12 puntos, 78-66 nun dicir amén. A parroquia local empezaba a sentir pánico e reaccionaba con ánimos ao equipo. Todo para evitar que o partidazo, ata o momento dos seus, tornase en traxedia.
Robertson (21 puntos, 2 rebotes, 6 asistencias e 20 de valoración) anotaba canastra con 2+1 e do 83-77 pasábase ao 85-77, dando aire aos da capital galega a 5:31 para a conclusión. Pero os da illa porfiaban e vendían moi cara a súa pel. Slaughter (19 puntos, 1 asistencia e 4 de valoración) no ecuador do último cuarto poñía o 86-82 coa súa canastra. Puido ser peor de anotar o tiro adicional obtido e colocalos a distancia dun triplo. Máis non foi así. Con todas as alarmas acesas, Obradoiro non caeu na trampa do desalento e o desánimo. Novo triplo de Robertson a 4:02 e a diferenza nuns “ tranquilizadores” 10 puntos, 92-82. Moita tea por cortar e o intercambio dá canastras proseguiu no cuarto máis anotador do partido. Con 99-92 e a 48 segundos do final, Álex Suárez anota unha canastra de 2 que sentenciaba o encontro, establecendo o 101-92. Tan só restaba xa saber o marcador final que quedo en nove de diferenza con 28-34 no cuarto e o 106-97 final. Partido épico, descomunal e ben exposto, dun Obradoiro que bordó a excelencia en varias fases do encontro, #ante un equipo insular que se xogaba os postos de play off. Conseguiu o seu mellor rexistro anotador sen prórroga da súa historia na liga das estrelas. Vitoria que lle dá a salvación, se non de maneira matemática, se virtual. Ten once vitorias e tres equipos detrás con nove. Con dous deles (Betis e Burgos) posúe ademais o average e restan 4 xornadas por xogarse. Non pinta mal, aínda que non convén fiarse para non deixar a certificación para a traizoeira última xornada. Próxima estación: Murcia, o domingo 1 de maio ás 17 horas, onde xa se podería, de gañar, certificar matematicamente un novo curso na ACB.

Alejandro Luis Otero Jamardo

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha