Unha nova investigación indica que a primeira vacina contra a Covid-19 que chegou á fase 1 do ensaio clínico é segura, ben tolerada e capaz de xerar unha resposta inmunolóxica contra o virus nos humanos. No ensaio avaliouse a seguridade e a capacidade de xerar unha resposta inmunolóxica de diferentes doses da nova vacina en 108 adultos sans de entre 18 e 60 anos de idade que non estaban infectados pola Covid-19.
En calquera caso, necesítanse máis ensaios para saber se a resposta inmune que provoca protexe dun xeito eficaz contra a infección do SARS-CoV-2. Actualmente, hai máis de 100 vacinas candidatas para a COVID-19 en desenvolvemento en todo o mundo. Esta é a primeira que se proba en humanos. Utiliza un virus do arrefriado común debilitado para entregar material xenético que codifica a proteína de punta do SARS-CoV-2 ás células.