Un estudo apunta a que calquera idade é boa para deixar de fumar

dpm.

Os avances na loita contra o tabaco van chegando aos poucos. O último descubrimento apunta a que deixar de fumar completamente podería iniciar procesos celulares que permitirían reparar en parte os danos causados pola nicotina. Pero os especialistas advirten: a loita contra o tabaco ten que ser continua.

O último descubrimento sobre os efectos do tabaquismo describe como tras deixar de fumar completamente hai células que non sofren danos e que poderían axudar a reparar os prexuízos causados polo fume nos pulmóns. É aínda un estudo en fase de investigación pero axudaría a confirmar que calquera idade é boa para abandonar o hábito.

Segundo Andrea Gallego, do Grupo de Traballo de Tabaquismo da Sociedade Española de Medicos Xerais e de Familia, “non podemos tomalo como que fumemos o que queiramos, que logo as células rexeneraranse. Non é así. É unha esperanza, é un feito, pero ten as súas limitacións. É un estudo, e veremos o que dá de si. Pero deixar de fumar a calquera idade e en calquera circunstancia sempre vai reportar beneficios ao organismo”.

A introdución na sanidade pública dos tratamentos para abandonar o tabaquismo e os novos avances científicos apuntan a controlar as consecuencias desta práctica nos vindeiros anos, pero os especialistas en saúde insisten en que non se pode baixar a garda.