Un estudo revela que o 80% dos pescadores están dispostos a participar na recollida de lixo mariño

Foto.- Cedida.

Un estudo socioeconómico desenvolvido no marco do proxecto europeo CleanAtlantic analizou as percepcións dos pescadores de Galicia sobre o lixo mariño e revela que un 80% dos enquisados estarían dispostos a participar en programas de pesca de lixo se se establecen mecanismos que faciliten eses traballos. Neste sentido, apostan por mellorar a xestión dos refugallos en porto e pola repartición gratuíta de sacos ou bolsas para almacenalos nas embarcacións.

Os resultados provisionais extraídos das cerca de 200 enquisas realizadas pola Universidade de Santiago de Compostela a mariñeiros de artes menores, cerco, palangre e arrastre determinan que para a maioría dos profesionais do sector estes refugallos son unha dificultade para a súa actividade e algúns deles sinalan que adaptaron os seus hábitos de traballo a esta circunstancia.

En relación ás repercusións económicas do lixo mariño no sector, os profesionais do mar estiman que o tempo de traballo dedicado á limpeza das artes de pesca ou a reparación e mantemento das mesmas suponlles un custo de entre 49 e 109 euros ao día. Nesta liña, resaltan a necesidade de aumentar a concienciación, tanto no propio sector como na sociedade en xeral, para evitar a chegada de máis lixo ao mar.

As conclusións destes e doutros estudos socioeconómicos sobre o impacto do lixo mariño non só no sector pesqueiro galego, senón tamén no turismo (en Irlanda e Inglaterra) e na acuicultura (en Madeira), déronse a coñecer esta tarde nun seminario virtual organizado polo Intergrupo do Parlamento Europeo Searica (Seas, Rivers, Islands and Coastal Areas) baixo o título Lixo mariño: Accións da UE para o futuro dos nosos océanos.

O obxectivo do evento, no que tamén participou a directora xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda, era presentar os resultados que o proxecto CleanAtlantic, coordinado polo centro dependente da Consellería do Mar, está a producir na loita contra o lixo mariño e que virán reforzar as iniciativas da Unión Europea para a protección e mellora do estado ambiental dos mares.