Unha persoa perdeu a vida e outra resultou ferida tras chocar a lancha motora na que navegaban contra unha batea na Illa de Arousa. En total, cinco persoas estaban a bordo da embarcación no momento dos feitos. Un dos tripulantes foi o que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda.
De inmediato, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia (CIAE 112 Galicia) puxo en marcha un operativo que contou coa intervención do Servizo de Gardacostas de Galicia e dos membros de Salvamento Marítimo. Segundo a información facilitada ao 112 polos equipos de emerxencia, as persoas recibiron axuda doutras embarcacións particulares que se atopaban na zona.
Así, a lancha foi remolcada ata o peirao de Xufre. Alí agardaba un dispositivo formado por axentes da Policía Local, efectivos de Protección Civil de Cambados e profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que pouco tempo despois confirmaron o falecemento dun dos tripulantes do barco sinistrado.
Nunha rápida intervención das emerxencias trasladaron o home ferido na proa ata terra, alí practicáronlle, sen éxito, unha reanimación broncopulmonar durante máis de quince minutos. Só puideron certificar a súa morte. Mentres, outros dous dos tripulantes, que son matrimonio, feridos de gravidade, foron trasladados en helicóptero ao Hospital Álvaro Cunqueiro. O seu prognóstico é reservado.