Os feitos sucederon no punto quilométrico 290 da A-52. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos servizos de emerxencia, nun dos coches accidentados circulaban un home, unha muller e un bebé. Por mor do impacto, o home resultou falecido e os outros dous ocupantes feridos. No outro turismo implicado viaxaba un único ocupante, que tivo que ser excarcerado polos Bombeiros do Porriño e polos efectivos do GES-SPEIS de Ponteareas. Posteriormente, foi trasladado a un centro hospitalario, ao igual que o meniño e a muller. Os Bombeiros tamén utilizaron o material de excarceración para liberar o corpo do falecido.
Cómpre sinalar que o vehículo no que circulaba o único ocupante tivo unha saída de vía, saltou a mediana da autovía e rematou batendo co coche no que viaxaba a familia en sentido a Benavente.
Varias persoas chamaron ao 112 Galicia para alertar da colisión, entre elas a muller ferida, a través do sistema E-Call do vehículo, ás 10:30 horas deste sábado.
De xeito inmediato, desde o 112 Galicia requiriuse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Porriño, dos efectivos do GES-SPEIS de Ponteareas, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía de circulación.