Un FP Dual de Hostalería e recuperación das bandeiras azuis, metas do PP de Cee no sector do turismo

2 minutes read

A situación privilexiada na que se atopa o concello de Cee é unha das súas mellores ferramentas para impulsarse dentro do ámbito turístico. Isto sábeno ben os integrantes do Partido Popular, quen levan no seu programa proxectos de recuperación de bandeiras azuis e promoción de camiños, a creación dunha senda peonil ou a implantación dun FP Dual de Hostalería, entre outros.
“Non podemos estar mellor situados no mapa, somos un municipio que conecta a outros de gran importancia a nivel turístico e debemos sacar máis proveito da marabillosa situación na que estamos”, afirma o candidato á Alcaldía de Cee, Jesús Picallo.
Entre os principais obxectivos a cumprir polo Partido Popular de Cee para os vindeiros catro anos tamén se atopa a promoción e sinalización de camiños como o relixioso, o dos faros e o de Santiago. Ademais, apostan pola recuperación dos camiños reais do concello e a dinamización do casco antigo.
“Temos sorte de contar cun casco antigo con moita historia e que, décadas atrás, era unha das zonas máis concorridas e con vida da localidade. Iso ten que volver, debemos dinamizar o casco histórico e facer que volva a ser o que era”, afirma Picallo.
Por outra banda, o líder dos populares buscará a implantación dun FP Dual de Hostalería. Esta formación é unha das grandes demandas educativas na Costa da Morte, posto que os e as estudantes das comarcas de Fisterra ou Soneira deben desprazarse ás grandes cidades para poder cursar esta especialidade.
“Que o turismo é un dos factores fundamentais para medrar a nivel económico e social é un feito”, subliña Picallo, quen conta con anos de experiencia ás súas costas na xestión de empresas e entidades relacionadas con este sector.
“A aprendizaxe é imprescindible para poder desenvolver aínda mellor o traballo e contar aquí, en Cee, cun FP de Hostalería permitiría aos mozos e mozas da vila e dos concellos limítrofes ter unha base firme na hostalería para poder dar unha mellor atención e especializarse, se fóra o caso, para seguir formándose neste sector”, destaca o líder do PP de Cee.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?