Raúl Lois Carro retornou de Alemaña en 2020, tras sete anos traballando nunha empresa dedicada ao sector espacial onde desenvolvía instrumentos de medida para satélites. En Pontevedra puxo en marcha unha empresa de sistemas embebidos, actividades que integran a súa experiencia no país teutón e que ten como obxectivo incorporar un pequeno software a un equipo convencional, definir a arquitectura do sistema, o seu deseño e a súa posterior implementación, posta en marcha e verificación. Deste xeito, este equipo convértese nun dispositivo intelixente e adquire capacidade para comunicarse con outros equipos.
“Trátase dunha parte fundamental de sectores como a industria 4.0, internet ou a visión artificial”, explicou Lois Carro, “e atópase presente en case todos os obxectos que usamos cotidianamente como os equipos médicos, os reloxos intelixentes, a domótica ou os asistentes de voz como Siri ou Alexa”.
Para a posta en marcha da súa firma contou cunha axuda da Secretaría Xeral da Emigración de 5.000 euros, a través da liña de axudas a emprendedores retornados.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou a importancia do pulo empresarial dos galegos retornados, “que apostan por poñer en marcha novas empresas, moitos deles, como no caso de Raúl Lois, de alta cualificación profesional, aportando innovación e traendo a nosa terra os contactos e coñecementos adquiridos, creando unha iniciativa de gran valor engadido”. De feito, segundo explicou o responsable do proxecto, Lois Engineering quere aportar ao mercado galego un produto que fomentará que xurdan outras iniciativas neste sector en Galicia.