O Ourense CF rompeu este domingo na casa a súa mala serie de seis xornadas sen gañar, fíxoo á conta dun débil Bergantiños CF que matematicamente case é equipo de Terceira División. A primeira ocasión do choque chegou aos vinte minutos de xogo tras un duelo gañado polo equipo local onde Dani Salas executou un disparo moi potente e centrado polo que o porteiro carballés, Santi Canedo, tivo que empregarse a fondo para desviar o esférico. A primeira ocasión para o Bergantiños FC produciuse á media hora de xogo cun disparo de Garrido que se estrelou contra o corpo do porteiro local, Marqueta.
Xa na segunda parte o Ourense CF seguiu apertando por etapas e Amín estivo a piques de abrir o marcador tras aproveitar un tropezo de Uzal cun disparo cruzado que despexou Canedo a córner. Sito Seoane tentou responder para os de José Durán cunha volea que atrapou Marqueta sen complicacións.
O partido semellaba sentenciado a táboas sen goles, ata que no minuto 84 un disparo de Jerín á saída dun córner empuxa Ebuka, en boca de gol, para dar aire ao seu equipo respecto ao descenso, 1-0. Xa no desconto puido matar o choque o Ourense CF nun man a man de Amín que se equivocou ao ceder o balón a Palmás e desaproveitou unha gran ocasión ante Santi Canedo. Con esta nova derrota a falta 18 puntos en xogo e visto o resultado dos seus rivais directos, augúrase que o Bergantiños non será quen de salvar a categoría ao final de tempada.