Un grave accidente dun camión obriga a cortar a A-52 en San Cibrao das Viñas

Un grave accidente dun camión obriga a cortar a A-52 en San Cibrao das Viñas
O helicóptero desprazouse á A-52 (Foto: Garda Civil de Ourense).

Un accidente grave dun camión obrigou a cortar a autovía A-52 en Ourense, segundo informan fontes da Garda Civil, que sinalan que mesmo un helicóptero se transladou até o lugar.

Tralo accidente, o camión quedou atravesado na calzada no quilómetro 221 da A-52, en sentido Vigo. O condutor, que puido ser retirado do vehículo sen necesidade de excarcerar, perdeu o coñecemento e foi atendido polos servizos sanitarios.

Varios particulares que circulaban polo punto chamaron ao 112 Galicia contra as 18:45 horas para alertar da saída de vía dun camión que, tras colidir coa medianeira, quedou atravesado nos carrís en sentido Vigo da A-52, á altura de Rante (San Cibrao das Viñas).

Rapidamente, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de San Cibrao das Viñas, do GES do Pereiro de Aguiar, da Garda Civil de Tráfico, da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de San Cibrao das Viñas e dos servizos de mantemento da autovía.

Ao mesmo tempo, o persoal sanitario indicou que estaba a mobilizar ao seu persoal a bordo dunha ambulancia e do helicóptero medicalizado con base en Ourense, que tomou terra no lugar dos feitos.