Un guindastre retirou do Lérez o autobús accidentado en Cerdedo-Cotobade


Técnicos do Ministerio de Transportes coordinaron desde primeira hora da mañá deste martes o operativo despregado en Cerdedo-Cotobade para tratar de extraer o autobús accidentado en Noiteboa do leito do río Lérez. Previamente, os servizos de emerxencia facilitaran o acceso ao vehículo co corte de varias árbores e pólas. Deste xeito, tras ser estabilizado o guindastre cuns contrapesos sobre a ponte, a máquina sacou o autobús do río e pousouno na vía de circulación, a N-541. Por mor destes labores, houbo que interromper o tráfico na estrada. O guindastre, cun brazo de 75 metros, izou o vehículo, nunha manobra, que unha vez asegurado, foi rápida e sen incidentes. O autocar queda agora baixo custodia da Garda Civil que será a responsable de examinalo para obter o maior número de datos sobre o accidente e as súas causas.